Echo, Vibes & Fire (2014)

Transilvanians

O catacomb reggay pode acontecer en calquera gruta escura das profundidades do porto de Kingston. Xusto nese intre que a marea está alta e nos baixos fondos do mar Caribe se dan cita vampiros, zombies e ises espíritos aos que os xamaicanos chaman duppys. Ou pode cruzar o océano Atlántico e emerxer, após miles de leguas de viaxe submarina, nalgún

O catacomb reggay pode acontecer en calquera gruta escura das profundidades do porto de Kingston. Xusto nese intre que a marea está alta e nos baixos fondos do mar Caribe se dan cita vampiros, zombies e ises espíritos aos que os xamaicanos chaman duppys. Ou pode cruzar o océano Atlántico e emerxer, após miles de leguas de viaxe submarina, nalgún canto do sur de Galiza.

As forzas ocultas do horror reggae submarino levan xa unha década viaxando dende os sumidoiros de Trench Town ata as Rías Baixas. En forma de ritmo de batería, liña de baixo, lura xigante, disco de sete polgadas ou notas burbullantes de guitarra. O gran monstro xamaicano do ska, o rocksteady e o primeiro reggae puido quedarse ancorado nos 60, pero decidiu mutar en combo musical galego, vestido de traxe e ata as trancas de soul.

Dende o 2004, Transilvanians rescatan o soul e o groove máis frescos da Xamaica dourada en covas submarinas. Tras memorables batallas contra superviláns da talla de Godzilla e Charlton Heston, a nova recompilación das súas aventuras chega, por fin, da man de 'Echo,Vibe & Fire', o seu segundo longa duración e -sen presumir de máis- o seu mellor traballo ata a data.

Este esperadísimo álbum chuspe labaradas en forma das xa clásicas instrumentais de reggae catacómbico. Como esa 'Into The Pyramid' de ventos abrumadores que abre a lata, a excepcionalmente tersa e elegante 'O Rebullón', a persecución funk que nos leva ata a 'Base Alieníxena de Rande' ou a velada polos primeiros ritmos xamaicanos que propón 'Ska All Night'. Pero, ademais do seu estilazo musical, Transilvanians tamén conta con outro selo de calidade na voz de Javier Marcos, tan clásica como os ritmos da banda e versátil como os mellores crooners negros. Aí están os ecos princebusteriáns nos fraseos de 'Reggaemotion' e, por suposto, os parágrafos quentes da combativa 'The Voice Of The People', unha radiografía da situación actual que invita ao pobo a tomar as rendas das súas propias vidas. Ademais destas, os vigueses lévannos de viaxe ao zoo con 'Peacock Style' e 'The Burial Of Monkey Paco', sentida homenaxe a un simpático macaco galego que se fixo célebre pola súa contumaz adicción ao sexo.

Súmanse á festa o histórico Roy "Mr. Symarip" Ellis, acompañante habitual da banda nos seus concertos pola península, que deixa o seu vozarrón en 'Mr. Rudy', e Roberto Sánchez, o mago cántabro, que se une á despedida en 'Fence Of Shame', sentido alegato contra os ignominiosos valos de Ceuta e Melilla. En total, dez cancións orixinais e dúas versións: o 'Dr. Jekyll & Hyde Park' dos Mohawks e unha excelente revisión do 'Gates Of The West' dos Clash.

'Echo, Vibes & Fire' foi rexistrado nos estudos Garageland de Marín por José Aller, mesturado polo mago Roberto Sánchez en A-Lone Ark Muzik Studio e masterizado en Euridia por Ibon Larruzea. Como é habitual, Roberto Argüelles asina o inconfundible deseño do disco, co marciano Lee "Scratch" Perry como protagonista desta pelexa submarina e musical. Furtiva como unha lancha abandonada por un grupo de narcos sobre a area da praia de Samil, terroríficamente gozosa como un maratón de películas da Hammer, reivindicativa como os mostachos do sindicalista Sandokán desafiando á policía. O catacomb reggay puido reinar para sempre na memoria dos barrios de Kingston, pero decidiu resucitar na Galicia caníbal. E de que xeito! Estabamos a esperar grandes aventuras no panorama musical de 2014 e xa están aquí.

Lutxo Pérez 2014.

Álbum dispoñible en vinilo, CD e formato dixital. www.liquidatormusic.com/tienda/es/8157-echo-vibes-fire.html

Leer más…